MANIFIESTO OCIO EDUCATIVO

Manifesto pola necesidade dun ocio educativo

 

Durante o marco da crise sanitaria e estado de alarma, e de restricións de contacto físico, orixinado pola pandemia do COVID-19, as entidades, colectivos e persoas asinantes deste documento: representantes políticas, profesionais, xuvenís e empresariais; únense para reivindicar con este manifesto, o valor intrínseco do ocio educativo e comunitario como elemento de dereito da cidadanía, pero tamén como un espazo para o desenvolvemento e crecemento persoal da xuventude. Esta crise sanitaria, que tamén é económica e social, deixou en evidencia que o ocio educativo merece un recoñecemento especial polos valores e exemplos que aporta ao conxunto da cidadanía e é por iso que expoñemos o seguinte:

Marco conceptual

  1. A situación actual e a xuventude

 

A crise financeira do 2008 supuxo un golpe para as condicións de vida de xuventude. A raíz dela, os datos socioeconómicos das persoas novas deixaron de medirse só en termos de precariedade, para pasar a computar nas de pobreza e exclusión social. As medidas tomadas para afrontar aquela crise, tiveron como vítimas colaterais ao sistema de políticas de xuventude e as súas estruturas: por todo o territorio desapareceron Consellos de Xuventude, espazos, subvencións e asociacións xuvenís; privando finalmente á poboación xuvenil do desfrute da propia rúa en favor dos espazos dixitais. Aínda que a pobreza xuvenil xerou que estes espazos dixitais non sexan accesibles para toda a xuventude, afastándoa da plena inclusión.

A visión social, fundamentalmente adulta, da adolescencia e xuventude destaca polo seu carácter negativo. A modo de dobre moral, ofrécese “a xuventude” como un valor desexado, pero ó mesmo tempo criminalízanse os seus comportamentos tildándoos de individualistas, irresponsables e egoístas. Perspectiva que non ten en conta a voz deste segmento de poboación, menosprezándoa e apartándoa da participación libre e eficaz no desenvolvemento político, social, económico e cultural que lles outorga o artigo 48 da Constitución.

As políticas públicas tamén responden a eses estereotipos sobre a xuventude, asentadas na desconfianza non contan coas persoas novas como axentes da sociedade. É necesario que as políticas de xuventude que fagan fronte á actual crise se baseen na participación e na capacidade de acción da poboación xuvenil. Deben proporcionar ferramentas de desenvolvemento e crecemento, sempre en diálogo con ela e as súas organizacións.

Na situación actual, adolescentes e mozos demostran unha vez máis que son responsables, preocúpanse polo seu entorno, participan, organízanse e dan resposta de forma colectiva non soamente as súas propias necesidades, senón solidariamente ás comunitarias. Dende o principio do confinamento, comprobouse que a mobilización e as respostas colectivas das persoas e entidades xuvenís, prodúcense quizás con máis rapidez que nas adultas. Ó mesmo tempo redescubriuse ás adolescentes e mozas, comprobando que as canles de comunicación ás que estamos acostumadas, son espazos naturais para a xente nova, e onde se visibiliza a súa participación.

2. O tempo libre como espazo vital

 

O actual modelo social e económico, que acentúa desigualdades e que en ocasións resulta incompatible coa vida, có bo vivir, atópase en apuros. Precisa de forma urxente una reconsideración para construír alternativas dende o colectivo, coas persoas no centro, que garanta a calidade de vida para toda a cidadanía con independencia da súa condición socioeconómica. A comprobación durante o confinamento de que as persoas viven, agoniadas, axitadas, en conflito entre o dereito ao tempo libre e a produtividade, nun paradigma de consumo de ocio que non capacita para a autonomía, evidencia que o seu sostemento non é efectivo.

O tempo libre, en si mesmo, é un dereito fundamental como así quedou recollido no artigo 24 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos: “Toda persoa ten dereito ao descanso, ao desfrute do tempo libre, a unha limitación razoable da duración do traballo e a vacacións periódicas pagadas”.

As manifestacións do ocio no tempo libre en referencia á calidade de vida, non supoñen un descanso sobre o tempo de traballo, ou un momento de escapatoria da parte seria e formal da vida: o tempo libre está asociado ao lúdico, e é inherente á condición humana. As vivencias e os valores das prácticas de ocio necesitan estar incluídas tamén no cotián, xa que constitúen un auténtico espazo de relación social e desenvolvemento persoal. Cabe pois reconsiderar o modelo de ocio, en especial para adolescentes e persoas novas.

3. A educación non formal: o ocio educativo e comunitario

Unha vez máis, a situación actual de confinamento abriunos os ollos sobre a importancia que as actividades lúdicas e recreativas teñen. E cando este ocio é educativo, cando está baseado nunha educación en valores, convértese nunha ferramenta de primeira necesidade.

O ocio educativo e comunitario é educación e aprendizaxe, bidireccional e participativo, con obxectivos, competencias e metodoloxías, tal e como sucede noutros sistemas como a escola, pero partindo dos intereses e necesidades de cada persoa, no noso caso da adolescencia e da xuventude. Abarcan áreas como a música, as artes plásticas, o deporte, o medio ambiente, a aprendizaxe servizo, o voluntariado, o compromiso coa sociedade, o traballo en grupo ou a diversión, sen esquecer a perspectiva de xénero. As materias curriculares subestimadas polo sistema educativo e pola sociedade en xeral como as expresións artísticas ou a actividade física demostran o seu valor como sostén anímico e, polo tanto, vital. Esta crise deu visibilidade tamén á relevancia do fogar como espazo de aprendizaxe, de colaboración, de coidados. Reconectarse con estas tarefas, compartilas, aprender a realizalas, a facerse cargo, desenvolve a autonomía e a corresponsabilidade.

O ocio educativo e comunitario é convivencia, descanso, diversión e desenvolvemento persoal. Ten unha dimensión lúdica, que resulta imprescindible para o equilibrio social, físico, psicolóxico e emocional da persoa. A súa dimensión ecolóxica, obríganos á mirada do entorno e o seu coidado, e aprémanos sobre o impacto que temos sobre a natureza, os seres vivos, a comunidade. Os centros e entidades para o ocio educativo, son espazos de socialización seguros, con figuras de referencia positivas, lonxe da violencia e das actividades de risco. Baséanse na participación voluntaria, automotivada e gratificante, pero en relación para co outras persoas, diversas, con diferentes realidades e experiencias, que permiten a acción educativa e o desenvolvemento comunitario.

4. A verdadeira inclusión

 

En 2019, a xuventude soportou datos estatísticos como: taxas de desemprego de arredor dun 25%, que máis dun 33% atopábase en situación de risco de pobreza ou exclusión social, ou que pouco máis dun 18% das persoas menores de 30 anos poido emanciparse. Estes datos falan de precariedade, pobreza e dependencia, elementos que definen unha vida paralizada, sen posibilidade de iniciar un proxecto propio, independizarse, forman unha familia, ou emprender.

Por estas razóns, falar de inclusión refire irremediablemente ás condicións socioeconómicas e educativas dun colectivo, o xuvenil, que se atopa cada vez máis ameazado. Faise imprescindible abordar medidas que eviten a exclusión social e evadan a precariedade, o paro, a dependencia ou o abandono escolar. Medidas que deben ter dúas perspectivas: o presente e o futuro.

Cando a poboación xuvenil está sendo duramente afectada polas consecuencias socioeconómicas, educativas e sociais derivadas do COVID-19, débese actuar de inmediato. Actuar pola xuventude non é actuar polo futuro, xuventude precaria significa unha sociedade precaria no presente. Porén, estas medidas inmediatas débense tomar como a antesala de plans e políticas profundas que non se desentendan dos que sofren esta situación, senón que as acompañen á vez que detectan máis persoas vulnerables.

Ao igual que outros imprescindibles, o ocio educativo e a educación non formal, son servizos públicos nos espazos onde se fan visibles as desigualdades: a rúa. O ocio educativo é acción educativa con carácter universal, dende unha perspectiva de equidade, garantindo a igualdade de oportunidades e combatendo as desigualdades sociais estruturais e conxunturais, e mediante a promoción das habilidades para a vida.

A xuventude con menos oportunidades benefíciase dobremente dos centros e actividades de educación non formal. Estes soen ser espazos onde non se estigmatiza, adquírense competencias importantes para o desenvolvemento persoal e profesional, para a socialización, e onde as profesionais xuvenís ofrecen referentes positivos e vinculacións afectivas seguras. A aposta por eles é un instrumento fundamental para a inclusión social: un sistema de ocio educativo público, universal e de calidade que se adapta ás diferentes realidades de cada territorio, será un recurso esencial para a recuperación dos ritmos, hábitos e contornos comunitarios de adolescentes e mozos.

As virtudes e potencialidades da educación non formal tomarán este ano unha relevancia especial. Será posible máis que nunca, facer visible a aportación que sempre supuxo aos procesos de aprendizaxe e socialización, a súa contribución á cohesión, á inclusión social e a expresión chea da diversidade cultural da nosa comunidade.

Os catro sectores

  1. As entidades xuvenís

 

Dende inicios do século, e como consecuencia da crise financeira, as seguintes comunidades ou cidades autónomas perderon o seu organismo independente de representación da sociedade civil xuvenil con personalidade xurídica propia, o Consello da Xuventude: Galicia, Cantabria, Aragón, Illas Baleares, Madrid, Castilla-La Mancha, Murcia, Andalucía, Canarias, Ceuta e Melilla. Á vez, elimináronse axudas, subvencións, espazos e programas específicos de xuventude vinculados aos mesmos.

Estando aínda na tarefa de recuperar parte do sistema arrebatado, a entrada a esta crise pon en perigo non só esta recuperación, senón todo o que se mantivo ou conseguiu ata agora. Non se pode negociar có sistema que sustenta a participación social e política dun dos colectivos de idade máis vulnerables e que conta cun maior risco de pobreza e exclusión social. Debe apostarse firmemente por manter e incluso facer crecer este sistema: axudas e subvencións suficientes, canles de información, espazos de participación, de ocio e desenvolvemento, recursos para o acompañamento, o emprendemento, para a expresión cultural e artística…

As entidades xuvenís son un claro exemplo de lugares de aprendizaxe da vida en comunidade e pola comunidade, de adquisición das habilidades sociais, de desenvolvemento persoal, de experiencia democrática e de servizo. Este é o valor do voluntariado. Entidades que son elementos claves que suman en calquera eido de esta situación extraordinaria. A co-creación de proxectos comunitarios con participación pública, privada e persoas novas son exemplo de calidade democrática. Os consellos da xuventude, por outra parte, aglutinan a estas entidades xuvenís e xeran espazos onde poder compartir as súas inquedanzas e crear redes mediante unha participación activa en defensa da xuventude.

Precisamente o voluntariado permitiu a supervivencia de moitas actividades nesta situación de crise, e as entidades que o sosteñen son insubstituíbles e imprescindibles.

 

2. As empresas de ocio educativo

 

As empresas especializadas do sector sociocultural desenvolven plans, proxectos e accións socioculturais no eido da infancia, xuventude, xente maior ou diversidade funcional. Traballan con plena conciencia de prestación de servizos públicos e xeran unha enorme riqueza con impacto social. Son diversas e con potencialidade para traballar dende miradas transversais e complementarias, destacando as súas capacidades de transformación social e de adaptación ao entorno. E en constante aumento do seu peso económico e laboral no sistema produtivo.

Nestes intres, o compromiso das empresas socioculturais ou de cultura de proximidade, pasa necesariamente por un entendemento cos diferentes actores sociais e políticos, acordando e dispoñendo os medios materiais, profesionais e técnicos necesarios para dar continuidade á súa tarefa, sen deixar de subxectivar e profesionalizar o sector.

Nunha elevada porcentaxe de casos son as encargadas de despregar as políticas públicas, moi especialmente no ámbito local, polo tanto, son plenamente conscientes da importancia vital de manter activos os servizos e programas que fan posible a interlocución e o vínculo socioeducativo. Manifestan neste sentido o seu completo compromiso na defensa do ocio educativo, que demostra en situación como as actuais, o seu auténtico valor e capacidade de atención á xuventude, proxectando e promovendo a súa iniciativa e capacidade innovadora.

O peche de proxectos e programas pon en risco a continuidade das dinámicas socioeducativas propias do sector. Mentres que a non suspensión e o seu mantemento permite manter o nexo cos colectivos xuvenís e aumentar as posibilidades de ofrecer apoio emocional, xerar recursos prácticos que dan continuidade a proxectos vitais e acompañar nas dinámicas asociativas, comunitarias e de expresión artística e cultural.

3. As políticas de xuventude a nivel local

 

As políticas de xuventude deben garantir a relación entre a Administración e o conxunto de adolescentes e mozos do seu ámbito territorial. Estar en contacto, comunicarse, escoitarse, tomar decisións conxuntas. Estamos falando, obviamente, dun traballo de proximidade dende a Administración Local, a diario, continuo, complementando a labor dos centros de Educación Formal.

A Información Xuvenil foi e segue sendo o primeiro paso para a participación e o desenvolvemento integral da poboación xuvenil. Partindo da Pedagoxía Informacional e incidindo na alfabetización dixital e máis concretamente en habilidades que permiten diferenciar entre información veraz e falsa. Pero sumando unha metodoloxía baseada en educar na participación, cun ocio inclusivo, dende o deporte, a cultura, e xerador de valores comunitarios.

No actual contexto, estimamos de vital importancia as políticas locais de emancipación. Non esquecelas, supón que serán máis necesarias que nunca políticas de vivenda, ocupación, formación e habilidades para a vida. E para todo iso será imprescindible o acceso ás TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) pero tamén ás TAC (Tecnoloxías para a Aprendizaxe e o Coñecemento).

Propoñemos vincular a integración cívica coa independencia económica proporcionada polo traballo. A exclusión que supón a xuventude dependente economicamente de aquela emancipada, agravarase no futuro inmediato. As políticas de xuventude deben definir estratexias para compensar ese déficit. Cabe contemplar medidas que faciliten a emancipación plena, enfocándoas non como accións puntuais a unha situación de emerxencia, senón duradeiras no tempo.

4. Profesionais de xuventude

 

É o colectivo de persoas que, no marco das políticas de xuventude, dedícanse ao estudo, a investigación, o deseño, a dirección, a xestión, a aplicación ou a avaliación de plans, programas, proxectos, actividades ou tarefas destinadas a adolescentes e mozos. Exercen tanto dende as Administracións Públicas, no sector privado, as institucións sen ánimo de lucro e o tecido asociativo, có obxectivo de favorecer o desenvolvemento xuvenil de cara a súa cidadanía plena.

Como colectivo profesional é experto en adolescencia e xuventude, coas súas características propias e esenciais, coñecedores dos tempos, das linguaxes, das inquedanzas e necesidades de estes colectivos. Actúan a través de diferentes metodoloxías de participación xuvenil baseadas no respecto, a toma de decisións, a asunción de responsabilidades, a solidariedade e a igualdade como ferramenta de transformación social e empoderamento.

A misión fundamental das e dos profesionais de xuventude é establecer espazos de relación, diálogo, escoita e coñecemento coas persoas adolescentes e mozas. Acompañar as súas traxectorias vitais con tarefas de apoio e mediación para asegurar o seu acceso a servizos e recursos, de forma que se garanta a súa participación política e social. Trátase dunha tarefa socioeducativa e de acompañamento. O protagonismo é das persoas mozas, e as profesionais son facilitadoras para que as propias mozas desenvolvan propostas, proxectos, actividades e iniciativas concibidas e desenvoltas segundo os seus criterios e intereses.

Resulta imprescindible, como se ve dende fai anos, recoñecer e definir a figura das e dos profesionais de xuventude para dignificar e poñer en valor esta tarefa. E facer explícito que se trata dun sector profundamente precarizado, que debe protexerse para que esta crise non sirva para empeorar a súa situación.

A conclusión

Un servizo esencial

Proclamamos a imperiosa necesidade sobre o feito de que a actual situación, non só non supoña unha interrupción do sistema de políticas de xuventude, senón que axude a facer aínda máis patente a súa esencialidade. Evidenciando a aportación estratéxica que supón a súa consolidación, incrementando os servizos con capacidade de escoita, atención, acompañamento e promoción das xuventudes e a condición xuvenil, non como valor de futuro senón como realidade chea de incuestionable. E ante esta esencialidade, ten sentido a reivindicación de que as políticas de xuventude atópense nos departamentos rexionais co seu debido protagonismo, e non relegado.

Nesta conxuntura é preciso poñer en marcha medidas para paliar a situación á que nos enfrontamos, á vez que pensar a longo prazo propoñendo plans que teñan unha visión estrutural sobre a realidade na que vive a xuventude. Necesitamos un plan director de intervención, coordinado, adaptado aos tempos que virán e a cada territorio, que innove, que mellore os servizos xa prestados, que os amplíe e optimice; que garanta o acceso a estes para toda a poboación xuvenil; precisamos profesionais de xuventude, políticas locais, empresas de calidade, con responsabilidade social, que tezan rede coas persoas novas, cos seus proxectos, nas súas entidades, asociadas ou non.

Os efectos desta crise manifestan a necesidade que ten a xuventude de figuras profesionais que lles acompañen e orienten, que lles faciliten a creación por elas mesmas do seu itinerario vital, exercendo os seus dereitos de cidadanía no aquí e agora.

Constatamos que, nas políticas de xuventude, prodúcese un paradigma do traballo en rede que posibilita a aliñación nos mesmos obxectivos a: a Administración, a xuventude, as profesionais e as empresas; sobre a base do principio de corresponsabilidade.

Expresamos que, esta xuventude descubriu o que é esencial, o superfluo e o verdadeiramente necesario. Escoitémola. Pero aínda máis: cedamos ese espazo que é seu, acompañemos, aprendamos, troquemos e crezcamos conxuntamente.

Por todo isto, PROPOÑEMOS

1. Ás Comunidades Autónomas, incorporar o dereito ao ocio educativo e comunitario, e a importancia da educación non formal, nos seus ordenamentos xurídicos.

2. Ás Administracións territoriais, crear un sistema público de ocio educativo coordinadamente con Administracións locais e entidades xuvenís.

3. Ao Ministerio de Educación e Formación Profesional, a ordenación dos perfís profesionais especializados en xuventude, tanto en Formación Profesional como en estudos Universitarios, e a homologación das formacións realizadas polas Escolas de formación no tempo libre e animación sociocultural aos certificados de profesionalidade.

4. Ao Ministerio de Educación e Formación Profesional, un sistema para o recoñecemento das habilidades e competencias adquiridas no voluntariado e na educación non formal, e incorporalas aos requisitos puntuables na Administración.

5. Ao Goberno do Estado, unha Lei de Participación que garanta este sistema, os seus servizos, a participación xuvenil e o seu empoderamento, así como o soporte específico e claro ao asociacionismo xuvenil e os Consellos de Xuventude.

6. Ás Administracións Públicas, un desenvolvemento normativo que garanta a continuidade dos servizos públicos de xuventude en situacións de crise e emerxencias, en tanto o emprego de tecnoloxías da información e a comunicación poidan substituír os servizos presenciais, pasando á consideración de servizos esenciais.

7. Ás Administracións Públicas, a activación de políticas socioculturais concretas, que promovan a colaboración público-privada, a creación de espazos propicios para a xeración e desenvolvemento de proxectos socioculturais, e a dotación económica e de recursos ás iniciativas do eido sociocultural.

8. Ao conxunto de entidades, a xeración dun plan de comunicación e sensibilización para promocionar os servizos do sector do ocio educativo, a animación sociocultural e a cultura de proximidade, con apoio público e privado.

9. Ao Goberno do Estado, a redución dos tipos de IVE de todos os servizos asociados ao ocio educativo, a educación non formal e os servizos culturais, aludindo ao seu inelutable valor estratéxico.

Pasa a la acción y apoya el Manifiesto por el Ocio Educativo

WhatsApp Image 2019-02-16 at 17.08.31.jp

LISTA DE CORREOS

This site was designed with the
.com
website builder. Create your website today.
Start Now